Días Europeos da Artesanía no centrAD
Multisectorial

O Centro de Artesanía e Deseño - centrAD – dependente da Área de Artesanía da Deputación de Lugo celebra os Días Europeos da Artesanía ampliando o seu horario de acceso á  Colección de Instrumentos Musicais  e Obxecto Sonoros, e organizando obradoiros ao aire libre de esgrafiado e cestería.

1.- Para visitar a Colección de Instrumentos Musicais  non será necesaria cita previa, aínda que o acceso se levará  a cabo coa máxima seguridade,  atendendo ás restricións sanitarias e ata completar o aforo.

A Colección está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Completan a colección importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo dos 70 anos de historia desta colección.

A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

Do mesmo xeito, tampouco será necesaria cita previa para ver a demostración de esgrafiado que se porá en práctica  coa elaboración dun mural conmemorativo.

2.- O obradoiro de esgrafiado estará aberto á participación de catro persoas que poderán participar na elaboración do mural, solicitude previa por correo electrónico, tendo preferencia os artesáns, canteiros e aquelas persoas que teñan un proxecto de esgrafiado de carácter público ou ao redor dunha vivenda no rural.

O esgrafiado de cal  é unha técnica artesanal de revestimento de paredes moi habitual en boa parte da península Ibérica. En Galicia as decoracións desenvólvense nunha franxa, sueste–noroeste, que atravesa parte de todas as provincias, sendo as de Lugo e Ourense as que máis vestixios conservan na actualidade.

Este tipo de decoración, a grandes liñas, realízase superpoñendo capas de morteiro de cal con distintas cargas de árido ou ben tinguidas para, posteriormente, recortar as superficies de maneira que quedan á vista as inferiores, dando lugar a un mural en relevo e con contraste de texturas e tons.

Os revestimentos esgrafiados pódense ver en todo tipo de construcións, desde muros, hórreos,  palleiras ou muíños, a vivendas, pazos ou igrexas. As propiedades da cal convértena nun material inmellorable; como función arquitectónica serve de protección (regula a humidade, ofrece  compacidade e resistencia), ten propiedades  antisépticas e  antimicrobianas; como misión estética ofrece numerosas posibilidades (disimula fábricas humildes ou deterioradas, pode imitar arquitecturas sofisticadas, achégalles luminosidade ás fachadas e ofrece moitas posibilidades de ornamento) e, tamén, ten carácter simbólico e de identidade.

Carola Carrot será a autora e responsable da elaboración deste mural conmemorativo que se levará a cabo no exterior da porta principal do centrAD

Ela é especialista neste tipo de intervencións  e métodos de construción tradicionais, realizando numerosos traballos que van desde estucos en interior ata esgrafiados en fachadas exteriores de gran formato, como os realizados no proxecto de “Esgrafiados da Ribeira Sacra”

3.- Na lugar do Taller de Cestería no Paseo do Río Rato, celebraranse os obradoiros de restauración de celosías de vimbio vivo, iniciación á cestería de medula, elaboración de estruturas xeométricas coa técnica niño, elaboración de bandexa de vimbio, elaboración de bandexa de medula con nó celta e iniciación á cestería de varas.

A provincia de Lugo conta cunha importante tradición de cestería orixinaria do mundo rural, cestería de vimbio, de colmo, mixta ou de láminas de madeira que, coa chegada da revolución industrial, foi caendo en desuso pero que, a día de hoxe, impulsada por unha sociedade máis consciente e respectuosa coa contorna, está a experimentar un rexurdimento da man de mulleres cesteiras profesionais que souberon adaptarse  aos novos tempos  dando resposta ás necesidades das persoas, tanto a nivel utilitario como experiencial.

Os obradoiros propostos  están pensados para ofrecerlle ao público, en xeral, un primeiro achegamento ao oficio a través de técnicas sinxelas e resultados accesibles.

Lola Tourón, con ampla experiencia no traballo con vimbio vivo, será a encargada do obradoiro de restauración das estruturas en forma de celosía que se atopan no terreo e da elaboración, co seu alumnado, de volumes xeométricos tecidos coa técnica niño, tamén chamada caos ou maraña.

Carmen Fieiras, dunha tamén longa traxectoria profesional e docente,  e con taller inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, farase cargo dos obradoiros de medula e de iniciación á cestería de varas.

Idoia Cuesta, Premio Nacional  de Artesanía, e internacionalmente coñecida polo seu traballo da man de grandes deseñadores e as súas incursións no mundo da moda, arquitectura e decoración, será a encargada de elaborar cos seus alumnos e alumnas unha bandexa de vimbio moi semellante ás pezas que ela mesma elabora dentro das súas coleccións para alta cociña.

Para participar nestes obradoiros  presentarase unha única solicitude por persoa, a través de correo electrónico, tendo preferencia as persoas en idade laboral e que non participaran noutros cursos de cestería organizados polo centrAD.

Prazo de presentación de solicitudes:

Do 29 de marzo ao 2 de abril

info.centrad@deputacionlugo.org

Fotos