O IES Lagoa de Antela participa na Semana Europea da Artesanía 2024. Entre os días 2 e 5 de abril celebraranse no instituto de Xinzo de Limia unha serie de actividades co obxectivo de dar a coñecer diferentes técnicas e materiais da artesanía próxima e da contorna, nas que participarán máis de 170 rapaces e rapazas. Realizaranse 8 obradoiros con Julia de la Cal (La Parabólica - http://www.laparabolica.com/), Agustin Vazquez Ferreiro (Alfarería Agustín - https://espanaartesana.com/alfarera-agustn) e María Jesús Labrador Sequeiros (Bugarda - https://www.facebook.com/cesteiros/?locale=es_LA). Ademais haberá dúas exposicións de artesanía no centro; unha sobre a cestería e outra sobre a olería. As actividades contan co apoio da Fundación Pública Artesanía de Galicia e do Concello de Xinzo de Limia.
Os departamentos de Debuxo, Bioloxía e Xeoloxía e Lingua Galega xunto co Equipo de Dinamización Lingüística organizan este programa de actividades enmarcadas nunha proposta de aprendizaxe baseada en proxectos chamada Refuxios que se está a desenvolver ao longo de todo o curso. A través desta proposta achegarase ao alumnado diferentes técnicas de artesanía vencelladas ao traballo con elementos naturais como fibras vexetais ou barro, co obxectivo de utilizalas para redeseñar e transformar un dos espazos do centro a final de curso. Nos vindeiros meses a rapazada seguirá traballando estas técnicas, por unha banda coa intervención nun espazo verde do centro onde se crearán refuxios para biodiversidade e tamén coa realización de pezas empregando un forno de cerámica propio.
Ao longo do segundo trimestre, o alumnado de 1º da ESO recolleu material de cestería das súas familias que forma parte da exposición de cestería albergada no corredor do centro. Esta exposición fai referencia á importancia do traballo con fibras vexetais e ao estudo das propias plantas, para logo ver a súa aplicación no uso dos diferentes cestos recollidos polo alumnado. Tamén se estudaron os diferentes nomes de cestos, o proceso da súa fabricación e usos, prestando especial interese aos canastros tradicionalmente utilizados na recolleita das patacas na comarca da Limia.
Así mesmo na cafetería amósase outra exposición fotográfica onde se fai un percorrido polas técnicas de traballo en barro e o seu proceso de transformación durante a cocción, para dar a coñecer materiais como o gres, o barro roxo, a arxila tradicional de Niñodaguia, ou os procesos de esmaltado.
A programación dos obradoiros será a seguinte:
Día 2 de abril, martes:
- Obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de 1º da ESO do centro, impartido por La Parabólica. Participan 45 rapaces e rapazas. Horario 10:30 a 14:10
Día 3 de abri,l mércores
- Obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de 1º da ESO do centro, impartido por La Parabólica. Participan 45 rapaces e rapazas. Horario 10:30 a 14:10
- Obradoiro de iniciación á olería para o alumnado de Educación Plástica de 4º da ESO impartido por Alfarería Agustín. Participan 22 rapaces e rapazas. Horario 10:30 a 14:10
Día 4 de abril, xoves
- Obradoiro de iniciación á cestería para todo o alumnado de 3º da ESO do centro, impartido por A Bugarda. Participan 61 rapaces e rapazas. Horario 8:30 a 14:10
Álbum de fotografías das actividades accesible a través de Flickr: